3.6.12

Premio de redacción

O sábado, día 2 de xuño, André Graña (2º ESO) recibiu o seu premio na Asociación Cultural "O Facho" en A Coruña.
Un lote de libros, 400€ e un diploma acreditativo foi o que recibiu por esforzarse día a día no seu traballo en Lingua Castelá, xa que presentamos ao concurso Premio "Carlos Casares" unha das redaccións de "deberes".

Parabéns André!





















E agora lede a redacción coa que gañou o premio:
Murmurio a media noite  
Unha noite estrelada abríase paso entre a escuridade sobre o páramo de … pero non todo era luz e fermosura neste inhóspito lugar, pois unha sombra de maldade cinguíase sobre os habitantes da cidade.
Cando Robert descendeu da súa montura estaba fatigado polo longo traxecto pero non tiña tempo de pensar en descansar, tiña traballo que facer. Dirixiuse á pequena capela do centro da cidade, como se lle ordenara, e agardou. Media hora máis tarde o reloxo de pedra da capela tocaba as últimas badaladas antes das once. Aquel marabilloso reloxo que nalgún tempo estivo decorado por grandes mosaicos que reflectían a historia da cidade víase reducido agora a un vello artefacto no que apenas se distinguían xa as agullas douradas que difundían co seu canto oxidado a chegada das once e media. O momento era chegado. Un remuíño de po irrumpiu na praza deixando ver unha figura fraca e encorvada vestida cunha capa da cor do ébano. Recibiu o seu anfitrión cun leve pero letal navallazo no pescozo. Traballo cumprido, dixo cando lle arrebatou o paquete redondo que portaba o ancián nas súas mans osudas.
Nada máis levantalo un palmo do chan deuse de conta que pesaba cen veces máis do que el imaxinara e tivo que volver a depositalo no chan mentres recuperaba forzas para volver a coller aquel estraño obxecto.
         Tras depositar a esfera no seu zurrón camiñou de regreso ao bebedoiro, onde o agardaba ansioso por partir o seu querido corcel. Mentres dispoñía todo para partir de novo alarmóuselle o pelo da caluga. Non estaba só. Rápido coma o lóstrego despregou a súa navalla preparado para calquera situación posible. Oíu pasos cerca que proviñan dun canellón escuro que conducía a un coñecido casarío da cidade. Instintivamente flexionou os xeonllos, preparado para botar a correr detrás do seu inimigo, pero non lle fixo falta. Caeu ao chan de xeonllos, ao tempo que oía un murmurio indescifrable. Escoitaba manar o seu propio sangue a través da fendedura que o atravesaba polas costas.
Mentres se lle anubraban os sentidos puido escoitar o reloxo da capela anunciar a media noite.

No hay comentarios:

Publicar un comentario